O jogo

(Simone de Laro, Cans) O Festival de Cans pechou a edición deste 2011 esta fin de semana. Notable éxito de público, notable presenza de estrelas do celuloide nas alfombras vermellas de cortellos e baixos. Non obstante, o principal engado foi o desfrute de pequenas obras de arte que encheron os ollos e o corazón. Unha delas foi “O jogo”, presentada fóra de concurso e que está baseada nun relato curto de Manuel Rivas titulado “El partido de Reyes” do libro “Cuentos de un invierno”. Dela, asegurou o mesmo Rivas en Cans e con sorriso franco: “Quedou mellor có conto”.

A peciña foi dirixida por Júlio Alves. Nela, o protagonista é Felix (Tomás Almeida), un rapaz dun barrio dunha cidade portuguesa que ten como arela xogar no equipo de fútbol do barrio cos demais rapaces. A súa oportunidade parece chegar un día no que o capitán accede a que participe como… recolledor de balóns. “Ata Cristiano Ronaldo comezou así”, asegúranlle.

Felix acepta feliz aínda que nese día non xoga nin un segundo como titular. Sente que forma parte do grupo, que está en contacto co seu deporte e iso é abondo para el. Na xornada seguinte , os rapaces deben medirse contra o equipo dos malotes pero sofren a baixa do seu pichichi. Intentan pospó-lo partido pero os adversarios néganse. Finalmente, Felix faise cun posto, baixo o nome de Down. Pouco a pouco vaille collendo o pulso ó encontro. O seu equipo está a piques de marcar pero unha liña branca e un balón parado escribirán o resto da historia que non contamos. O futuro dependerá dunha orde do pasado que Felix dubidará se transgredir ou respetar.

“O jogo” fala da infancia, de sentírmonos campións ou vencidos pero sermos felices malia a adversidade aparente dos resultados. Pero tamén fala do desexo de tirar abaixo cos prexuízos da sociedade contra xente como Felix con Síndrome de Down que está sempre a agardar pola súa oportunidade, polo momento no que demostrar que son iguais, que son capaces.

About onervioptico

Web sobre críticas e novas das artes culturais en Galicia, dende Vigo para o mundo.
Esta entrada foi publicada en Cinema-ollo. Ligazón permanente.

Deixar un comentario